No marco da estratexia e as políticas de responsabilidade social empresarial (RSE) da empresa Velgasa-Eroski, están a desenvolver conxuntamente coa Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, unha campaña para conmemorar o vindeiro 17 de maio, Día das Letras Galegas. O obxectivo é promocionar a nosa lingua, achegando á cidadanía os persoeiros Roberto Vidal Bolaño, a quen a Real Academia Galega dedica este ano o día, e Rosalía de Castro, que hai 150 anos que publicou a súa obra máis recoñecida, Cantares gallegos.
Esta campaña levarase a cabo en todos os establecementos da rede comercial de Velgasa-Eroski con accións que dinamicen a cultura galega e o idioma da comunidade. Con este tipo de iniciativas a empresa está a cumprir as pautas establecidas polo Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega no eido empresarial.
Entre as actuacións planificadas, todos os establecementos exporán un cartel do dramaturgo Roberto Vidal Bolaño e a empresa creou unhas bolsas especiais que homenaxean co seu deseño a Rosalía de Castro, coa incorporación dalgúns fragmentos dun dos seus poemas:
Cantarte hei, Galicia teus doces cantares, que así mo pediron na beira do mare. Cantarte hei, Galicia na lingua galega consolo dos males, alivio das penas. (Rosalía de Castro, 1863)A rede de supermercados eríxese coma un bo exemplo, en canto as políticas de responsabilidade social empresarial, polo seu compromiso e promoción do galego nunha empresa que está localizada en Galicia e leva a cabo actuacións para fomentar o desenvolvemento cultural da nosa comunidade. Esta campaña ampárase dentro do proxecto “Valores 2013”, un conxunto de sete actuacións que teñen coma obxectivo activar a “sensibilización social” para darlle un pulo á lingua da nosa comunidade desde o tecido empresarial galego.








